domingo, 30 de noviembre de 2008

MANIFESTACIÓN CONTRA O PLANO INTEGRA EN VIGO

MANIFESTACIÓN EN VIGO.


Hoxe, domingo día 23 tivo lugar en Vigo unha manifestación contra o Plano Integra.
Miles de persoas de todos os concellos do sul da provincia estaban alí.

A TELEGAITA non dixo nen unha triste palabra.

Cando necesitemos saber ónde é que creceu o nabo máis grande de Galiza, poderemos mirar a tele galega.

Se queremos saber cáles son as inquedanzas da cidadanía, mellor será que esperemos a que os alieníxenas bipolares inauguren unha canle de televisión.

Isto non é normal:

a cidadanía pedindo explicacións e os políticos virados de costas.
a cidadanía pedindo audiencia e os políticos engedellados.
a cidadanía defendendo o medio ambiente e os políticos cagando asfalto.
a cidadanía loitando polas parroquias e os políticos pensando que viven en Manhattan.

Soberbios, prepotentes, milhomiños. Así defendedes Galiza? Así defendedes o país?
Levade o salario que vos pagamos a casa. Pero non arrasedes a nosa terra.


GOBERNE QUEN GOBERNE,
MOS NON SE RENDE.


miércoles, 19 de noviembre de 2008

RETIRADA DO PLAN VIGO INTEGRA




30 colectivos, convocan unha manifestación Contra o Plano Vigo Íntegra co lema "O asfalto non é progreso", o domingo 30 de Novembro ás 12, que sairá desde a Praza dos Cabalos e rematará na Porta do Sol.




http://www.arianonsevende.org/


O ASFALTO NON É PROGRESO






10 RAZÓNS PARA DICIR NON AO PLAN VIGO ÍNTEGRA




1.- Está baseado nun modelo obsoleto de transporte e mobilidade, esquecendo totalmente o transporte público, estimulando a utilización do vehículo privado, xerando aínda máis contaminación (atmosférica e acústica) e incrementando o consumo de petróleo.




2.- As vías de alta capacidade provocan un enorme e irreversible impacto ambiental (erosión do solo, fragmentación do territorio, recheo de vales e leitos fluviais, perda de masa forestal e de biodiversidade, ocupación de solo rústico, etc.) e a destrución do patrimonio cultural e arqueolóxico.




3.- Tamén provocan un enorme impacto social e económico (expropiación de terreos privados, afección de vivendas, efecto barreira que racha e divide vilas e parroquias,etc.).




4.- O uso abusivo do vehículo privado é un dos principais responsables de emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, causantes do cambio climático global.

5.- As vías de alta capacidade non solucionan os problemas de mobilidade, senón que os agravan. A máis e meirandes estradas, máis vehículos e máis atascos, xa que nas horas punta, as vías de enlace, de menor capacidade, non poden absorber tal cantidade de tráfico.




6.- Este modelo de transporte e de infraestruturas, dilapida grandes cantidades de diñeiro público e só favorece ós intereses privados das grandes construtoras e do sector do petróleo.




7.- O Plan Vigo Íntegra malgastaría 2.000 millóns de euros na construción de 243,8 quilómetros de novas autovías, asfaltando de máis de sete millóns de metros cadrados de territorio. O Estado español é o primeiro de Europa en quilómetros de vías de alta capacidade por habitante, mentres que a súa rede de ferrocarril se sitúa no vagón de cola europeo.




A cidade de Vigo e as comarcas do Morrazo, Baixo Miño, O Rosal, Val Miñor, Condado-Paradanta, A Louriña, Redondela, Vigo e área de Pontevedra continuarían a padecer esta eiva.




8.- Foi elaborado sen contar coa participación cidadá (e mesmo dificultando as preceptivas exposicións públicas) á medida dos intereses políticos e económicos de turno.




9.- Foi feito sen ter en conta a crise económica mundial, creada precisamente polos intereses políticos e económicos do gran capital, nin a fonda crise enerxética, en boa parte derivada dese modelo de transporte, gran consumidor de enerxías fósiles e petróleo.




10.- Forma parte indisoluble doutro proxecto maior, a centralista e depredadora Área Metropolitana de Vigo, tanto sexa de 14 como de 28 concellos, que ameaza con facer aínda máis dependentes da cidade ás vilas e comarcas da contorna.







ALTERNATIVAS AO PLAN VIGO ÍNTEGRA




1.- Un modelo de transporte baseado na accesibilidade, a proximidade e, ante todo, no fomento do transporte colectivo.



2.- Que os 2.000 millóns de euros presupostados para o Plan Vigo Íntegra se utilicen
Na mellora, humanización e vertebración da rede viaria existente na área afectada, dende as estradas veciñais, ata as secundarias e as comarcais, actualmente en pésimas e mesmo perigosas condicións.




Na mellora do transporte público, tanto terrestre, marítimo da ría, como ferroviario de proximidade, e no fomento do transporte non motorizado, como os carrís bici.




Na construción doutras infraestruturas máis necesarias: hospitais comarcais, centros sociais, educativos, de saúde, culturais, deportivos, e espazos verdes que, aparte de facer máis autosuficientes as nosas barriadas, parroquias e vilas, nos eviten a necesidade de desprazarnos ata a cidade. Isto é crear proximidade. A centralización é xerar distancias.




No aforro e a eficiencia enerxética.




Na promoción da rede de internet de alta velocidade e a informatización de trámites burocráticos, evitando desprazamentos para cuestións administrativas.




3.- Que se deseñe a ordenación do territorio dun xeito verdadeiramente participativo, tendo en conta un modelo alternativo de transporte e infraestruturas máis ecolóxico e humano. Que se racionalice esa ordenación, facendo desaparecer a Deputación, fortalecendo e achegando ao cidadán as mancomunidades de municipios e as comarcas, e baseándoa en principios de igualdade, solidariedade e complementariedade entre os distintos entes.




4.- Que a cidade de Vigo descentralice a súa área de influencia, ocupándose, ante todo, das prioridades e necesidades do seu propio territorio. Porque ten moitas e graves (saneamento, residuos, ordenación do litoral, rural, industrial, etc.) dentro dunha cidade mal deseñada, sobredimensionada e que non está a atender ás necesidades reais da súa veciñanza.




5.- Que o deseño urbanístico, incluída a rede viaria, se ateña á realidade demográfica, social, cultural e económica de cada concello e cada comarca, fuxindo da especulación urbanística e da invasión de competencias por parte da cidade.







Convocam:
A Ría Non se Vende / A.C. Berra Val Miñor / A.C. Caleidoskopio / A.VV. “Dunas” (Nigrán) / A.VV. “A Irmandade” de Priegue / Afectados Ronda Vigo-Lavadores / Agrupaçom de Montanha "Augas Limpas" / Alternativa Veciñal / Asociación A Groba / Asociación Afectados PO-313 / Bouzas Móvete / Centro Social A Revolta / Clube Espeleolóxico Maúxo / Colectivo Lúa Meiga / Colectivo Nacionalista de Marín / Colectivo Xogo Descuberto / Comisión de Seguimento da Conexión da A-57 con Peinador / Comisión Veciñal contra a Macrodepuradora do Lagares / Foro Social de Cangas / Grupo Axitación Social (GAS) / Luita Verde / Nunca Máis Val Miñor / OAR Redondela / Plataforma Cidadá de Redondela / Plataforma pola Defensa de Mos / Plataforma Priegue Unido / Plataforma Vive Gondomar / Salvemos Monteferro / Sárdoma en Loita / SOS Serra da Groba / Verdegaia

sábado, 15 de noviembre de 2008

PLATAFORMA POLA DEFENSA DE MOS

REUNIÓN INFORMATIVA.

Domingo día 23 de Novembro ás 11:00 da mañán.
Multiusos do Concello de Mos.

Organiza: Plataforma pola Defensa de Mos.

Tema: Vigo Integra. As infraestructuras e o noso concello. ¿Para quén? ¿Para qué?

Contaremos coa axuda dun membro de "A Ría non se vende" que exporá o que representan tanto o Vigo Integra como a Área Metropolitana. Necesitamos explicar aos nosos veciños os efectos devastadores das chamadas "infraestructuras de progreso" e cómo reventarán Mos: autovía, polígonos, accesos...., as súas afeccións, a destrucción dos manantiais, a afectación dun 35% do noso territorio.

A Plataforma leva moitos meses traballando para poder buscar algún rastro de racionalidade nestes plans, intentando que se explique a poboación a razon última de todos eles. A cerrazón fainos pensar en épocas pasadas, cando todo se facía por decreto.

O Plan Vigo INTEGRA, con 350 kms (250 kms. de novas vías de alta capacidade) malgasta 2.000 millóns de euros, afectando da forma arriba mencionada á propia cidade de Vigo e ós 25 concellos da súa área de influencia, das comarcas do Rosal, Baixo Miño, Val Miñor, O Condado-Paradanta, O Morrazo, Redondela e a área de Pontevedra. Foi elaborado sen contar coa participación pública e aínda dificultando as preceptivas exposicións públicas.

Forma parte indisoluble doutro proxecto maior, o centralista e depredador da área metropolitana de Vigo, tanto sexa de 14 como de 28 concellos, que en conxunto, aparte de sumar máis impacto ambiental, ameaza con facer aínda máis dependentes ós pobos e comarcas do contorno con respecto á cidade.

A poboación asiste atónita a plans denominados " SUPRAMUNICIPAIS", un sinónimo encuberto que utilizan para esconder o seu auténtico significado: POR DECRETO. Antes xa de lanzar o plan, advírtese que é un plan sectorial, un plan supramunicipal, co que en realidade nos queren dicir que non hai protesta nen petición de información que valla.

O único que se pode facer é estar informados.

ACUDIDE AO MULTIUSOS O DOMINGO 23.

VIVA MOS